A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral

  1. Biscaínho Fernandes, Carlos Caetano

Editorial: Laiovento

ISBN: 978-84-8487-114-2

Ano de publicación: 2007

Tipo: Libro

Resumo

A Sociedade Cooperativa de Consumo para o Ensino“Escola Dramática Galega (EDG), activa entre 1978 e 1994, desenvolveu un intenso labor en diversos campos relacionados coa escena do país ―e, por extensión, da cultura― que a converteron nun punto de referencia na historia recente do teatro galego. Desde o seu seo non só se promoveu a actividade propiamente escénica, mais tamén se atendeu á formación de traballadores do medio, ao rescate de textos fundamentais da dramaturxia galega ou á investigación á volta da dramática e das festas parateatrais. A EDG sostivo, igualmente, a publicación teatral de máis longa vida na historia de Galiza, en que viron a luz tanto obras dos clásicos e traducións de textos transcendentais da dramaturxia occidental como a produción de autores novos ou ensaios sobre diferentes aspectos envolvidos no feito teatral. Convocou, ademais, un Concurso de Teatro Breve que deu a coñecer un vasto grupo de dramaturgos. A EDG mantivo tamén unha presenza importante nos diversos foros teatrais que existiron na Galiza durante eses anos e, nos seus espectáculos, participaron un elevado número de actores que posteriormente proseguiría a súa carreira noutras agrupacións. A análise das iniciativas xestadas na EDG, atendendo tanto ás causas que determinaron o seu grao de consecución, coma os seus efectos sobre o conxunto do campo teatral, pode, pois, resultar moi revelador para entendermos unha etapa do teatro galego recente.