Poesía galega completa IIIpoemas manuscritos

  1. Pondal, Eduardo
  2. Ferreiro Fernández, Manuel ed. lit.

Editorial: Sotelo Blanco

ISBN: 84-7828-406-9

Año de publicación: 2002

Tipo: Libro

Resumen

Manuel Ferreiro publica, en catro volumes, a edición crítica da obra completa da figura de Eduardo Pondal, un dos centros de interese deste investigador. Eduardo Pondal. Poesía galega completa III. Poemas manuscritos reflicte a vontade do noso poeta con relación ao futuro da súa obra poética inédita, expresada con clareza no seu derradeiro testamento: «Dejo mis manuscritos literarios y mis impresos poéticos a la Real Academia Gallega para que los expurgue en connivencia con mis albaceas». Deste xeito, a empresa da edición dos materiais manuscritos —neste caso líricos— existentes na RAG, mais tamén noutros arquivos, revélase como tarefa fundamental por canto responde á vontade explícita do autor e tamén por se tratar da obra dunha das figuras máis sobranceiras da literatura galega. Cómpre ter en conta dúas cuestións fundamentais á hora de establecermos o corpus da lírica manuscrita: a definición de poema e a fixación textual dos poemas manuscritos, nomeadamente dos autógrafos. Deste xeito, hai poemas manuscritos perfectamente acabados, e mesmo asinados nalgún caso, semellando estaren dispostos para a súa publicación; hai poesías que contan cunha única redacción autógrafa con vacilacións e alternativas de redacción, que constitúen a maioría dos casos; composicións que presentan redaccións múltiples con diferente grao de finalización, onde non resulta dificultoso determinar a redacción preferente; textos con dúas ou máis redaccións completas, en diferentes papeletas; poemas para os que existen varias redaccións diverxentes e composicións que aparecen con diversas redaccións sucesivas e acabadas, na mesma papeleta, que mostran unha pregresión conceptual e literaria. A lírica pondaliana de transmisión apógrafa está constituída por todos aqueles textos de que non contamos con testemuño manuscrito autógrafo, quer publicados após da morte do poeta, quer manuscritos en copias.