Xaquín Marín, innovación e tradición no humor gráfico galego
- Caballero Wangüemert, Félix
- Mercedes Román Portas Director/a
Universidad de defensa: Universidade de Vigo
Fecha de defensa: 23 de octubre de 2015
- José Francisco Sánchez Presidente
- Aurora García González Secretario/a
- Arminda Maria Finisterra do Paço Vocal
Tipo: Tesis
Resumen
O humor gráfico é unha das grandes achegas de Galicia á cultura universal, con nomes como os de Xosé María Cao ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, por citaren só algúns dos máis afastados no tempo. Porén, non se ten estudado moito, sobre todo desde a Guerra Civil en adiante. Esta tese tenta encher en parte este baleiro, particularmente no que respecta ao periodo desenvolvido a partir de 1970, un dos máis brillantes do xénero en Galicia, que experimentou daquela un rexurdimento despois de varias décadas de censura e decadencia artística. A investigación céntrase no labor de Xaquín Marín, un dos principais artífices desta etapa, canda outros como Fernando Quesada ou Siro López. A tese tiña dous obxetivos fundamentais: describir as principais fases da traxectoria humorística de Marín na prensa e descubrir as claves do seu particular universo ético e estético. Para realizar esta investigación utilizouse fundamentalmente dous métodos: a observación de viñetas e a entrevista en profundidade. Canto ao primeiro, tentouse facer unha revisión o máis exhaustiva posíbel da obra de Marín: foi consultado todo o seu traballo para Chan, Hermano Lobo, La Codorniz, Teima e A Nosa Terra, e boa parte do que levou a cabo para El Ideal Gallego e La Voz de Galicia. Asimismo, consultáronse todas as escolmas de viñetas publicadas polo humorista, nomeadamente estas catro: Alcacén para gaitas (1980), Feito a man (1997, Trinta e tantos con Xaquín Marín (2001) e O humor desde Ferrol (2009), o que supuxo a observación de máis de 450 ilustracións máis preto de outras mil contidas no cederrón que acompaña á terceira das devanditas antoloxías. No tocante ao segundo método, entrevistouse en profundidade ao debuxante, con quen se tivo un encontro persoal en Fene o 4 de outubro de 2012, e realizáronse tamén outras entrevistas ¿persoais, telefónicas ou electrónicas¿ a once persoas vencelladas á súa figura e obra: os humoristas gráficos galegos Siro López, David Pintor (Pinto), Leandro Barea e Kiko da Silva; o exdirector do Museo Arqueolóxico da Coruña Felipe Senén; o xornalista e fotógrafo cubano Francisco Puñal; o humorista gráfico holandés Peter Nieuwendijk (presidente xeral da Federation of Cartoonists Organizations, FECO), a cartoonista arxentina-alemá Marlene Pohle (presidenta da FECO en Alemaña), o produtor cultural e historiador portugués Osvaldo Macedo de Sousa, o xornalista e escritor portugués José Viale Moutinho e o caricaturista portugués António Antunes. A alta porcentaxe de persoeiros portugueses entrevistados explícase porque a tese inclúe un capítulo dedicado á relación de Marín con Portugal, onde é tido en grande consideración tanto pola súa traxectoria como humorista gráfico como polo seu labor como fundador e director do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do mundo no seu xénero. Esta pescuda deu lugar a unha estadía de investigación no Porto, baixo a tutela da doutora Yolanda Espiña, para poder acadar a mención de Doutor Internacional. Da investigación realizada conclúese que Marín pode ser considerado o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao, porque ningún outro innovou tanto graficamente nin foi quen de facer unha obra de valores universais coa temática dun pequeno país. O humorista ferrolán acadou cedo un estilo de seu profundamente orixinal asemade que fondamente galego, e construíu unha particular cosmovisión de Galicia que lle ten permitido contar coma ninguén as grandes mudanzas experimentadas pola sociedade galega ao longo dos últimos 45 anos.