Técnica do relato fílmico

  1. LÓPEZ PIÑEIRO, CARLOS AURELIO
Dirigida por:
  1. Ángel Luis Hueso Montón Director/a
  2. Anna Amorós Pons Director/a

Universidad de defensa: Universidade de Vigo

Fecha de defensa: 19 de enero de 2016

Tribunal:
  1. M. Gloria Camarero Gómez Presidente/a
  2. Montserrat Vázquez Gestal Secretario/a
  3. Antonio Sanjuán Vocal

Tipo: Tesis

Resumen

O obxecto desta Tese encádrase formalmente nun estudo ontolóxico da narración de codificación audio-visual como medio de expresión de finalidade estética. O principal obxectivo da análise é indagar sobre a estrutura dramática do relato fílmico: Que elementos e recursos a caracterizan como programa narrativo? Existe un único modelo ou diversos modelos creados en distintas cinematografías e épocas? Cada filme xera o seu propio modelo? Ese modelo é exclusivo do cinema ou compartido coas artes escénicas e narrativas literarias ou orais? A proba empírica efectuouse mediante a investigación dunha mostra de 381 filmes producidos por cinematografías de todo o mundo durante 75 anos de cinema sonoro (1931-2005), seleccionados a razón de 127 por cada período de 25 anos, acoutados consonte a tres estadios evolutivos: clásico, moderno e posmoderno. Nela inclúense filmes clasificábeis no microuniverso de 'exemplares'";" é dicir, dos que aparecen citados e propostos pola historiografía como exemplo dos estados e transformacións do relato fílmico a través das sinaladas etapas evolutivas. Aínda que a mostra configúrase como dirixida, sométese a parámetros de tamaño e estratificación probabilísticos segundo variábeis xeográfico-culturais relativas á procedencia dos filmes e temporal-evolutivas relativas á época de realización. Ese obxectivo principal xustifícase pola necesidade de ilustrar sobre un tema non sometido a suficiente proba empírica e sobre o que a teoría presenta grandes eivas. Entre os obxectivos secundarios están o de propoñer unha revisión da taxonomía xenérica do relato fílmico, da súa evolución histórica e dos seus códigos e unidades compositivas, ademais dunha terminoloxía relativa aos xeitos de planificación. O estudo e análise dos elementos, recursos e mecanismo do relato fílmico divídese en catro capítulos: idea, trama, existentes e estilo. A respecto da idea, céntrase na elección do título, na concepción do tema, nas motivacións das ideas temáticas e dramáticas, no lema ou premisa como hipótese ou tema formulado como problema, nos procesos e métodos de desenvolvemento da idea dramática e no personaxe en conflito. A respecto da trama, analízase a segmentación da estrutura dramática verificando hipóteses sobre a súa configuración mecánica, identificando os seus elementos constantes e variábeis, suliñando discrepancias interpretativas ofrecidas por determinados investigadores, poñéndoa a proba a través de exemplos e afirmando finalmente a súa ligazón coa tradición narrativa popular. A seguir analízanse os recursos para lograr a cohesión dramática e temática, os mecanismos narrativos para administrar a información e as relacións espazo-temporais entre planos. A respecto dos elementos profílmicos, descríbese a concepción e caracterización do personaxe, os roles que lle atribúe o modelo actancial, os tipos de obxectivos e obstáculos que afronta e máis a vinculación co escenario no que se desenvolve. A respecto do estilo, estúdanse os tons xenéricos dominantes na enunciación dramática, a mecánica do humor, as figuras retóricas, os espazos visual e auditivo, as interrelacións audiovisuais, as interrelacións entre locucións, personaxes e accións, e o xeito narrativo e a focalización.