A paisaxe urbana e a súa evolución na Ría de Muros -Noia a través dos seus principais asentamentosun estudo de xeografía urbana
- Garcia Vidal, Pedro
- Rafael Rodríguez Martínez-Conde Director/a
Universidad de defensa: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 16 de marzo de 2012
- Andrés Precedo Ledo Presidente/a
- Montserrat Villarino Pérez Secretario/a
- Leonor de la Puente Fernández Vocal
- Pedro Armas Diéguez Vocal
- Ricardo Méndez Gutiérrez del Valle Vocal
Tipo: Tesis
Resumen
No espazo actual das vilas históricas de Noia e Muros podemos ler o tempo por mor da presenza de vestixios do pasado ¿visible e invisibles- que permañecen como pegada territorial doutras xeracións que nos precederon. Así, na paisaxe actual, como resultado da mutación da vila a través do tempo, atopámonos cunha serie de espazos ou arquitecturas pertencentes a diferentes etapas históricas que van establecer un diálogo entre o pasado en que naceron e o momento actual. Serán as fontes da memoria cidadá, os fitos referenciais do seu pasado. Para a maior parte dos xeógrafos, descubrir esas pegadas e interpretalas constitue un reto intelectual compartido con historiadores, arquitectos e aqueloutros estudosos interesados pola aproximación morfoxenética. Foi por ilo a nosa pretensión, adentrarnos na análise da evolución da paisaxe das vilas de Noia e Muros dende as orixes ata o momento actual, facendo especial fincapé naqueles períodos en que a confluencia de factores políticos, socioeconómicos e culturais, coa codificación de espazos, arquitecturas ou elementos urbanos caracterizou fortemente determinadas paisaxes urbanas ata o punto de producir formas ou elementos que identifican á propia vila no seu conxunto. Prestamos unha especial atención ao período comprendido entre a segunda metade do século XIX e os anos cincuenta do século XX, ao considerar estes anos como decisivos no cambio dunha paisaxe preindustrial característica das vilas do antigo réxime, herdeiras en grande medida das épocas medieval e moderna, a unha nova paisaxe que vai caracterizar a nova sociedade burguesa industrial, comercial e funcionarial. Será este modelo de cidade, o que a pesares dos graves quebrantos sufridos nos anos do desarrollismo, dominará os espazos actuais da vilas de Noia e Muros. Analizamos a poboación, a economía, a sociedade e a política como factores determinantes da creación das vilas e da súa imaxe urbana. Ao mesmo tempo, a mirada de cartógrafos, escritores, gravadores, pintores ou fotógrafos, xunto coa dos propios residentes, proporcionounos a ollada interpretativa, esa construción cultural necesaria para a propia existencia da paisaxe. Este estudo levouse a cabo mediante a integración de disciplinas como a Xeografía e a Historia, pero tendo o presente no centro das nosas preocupacións, na procura de que a Xeografía histórica non apareza como demasiado aillada da realidade. De aí que a análise da evolución histórica da paisaxe das vilas de Noia e Muros teña como principal obxectivo aportar elementos para un mellor coñecemento da paisaxe actual e da súa problemática así como criterios para unha mellor xestión do territorio, pois pensamos que unha axeitada perspectiva histórica axuda a unha mellor comprensión dos procesos que conduciron ata a crise do presente, así como deseñar con sentido outras opción de desenvolvemento urbano máis sostibles. Igualmente, dende este enfoque histórico-xeográfico foi a nosa pretensión descifrar e realzar a riqueza cultural destes emprazamentos a carón das augas atlánticas, incluídas as súas cualidades sensuais, que pensamos pode proporcionar un valioso vector para orientar o desenvolvemento urbano cara unha estratexia de ordenación que supere os vellos principios funcionalistas e apunte a integrar os sistemas urbanos en sistemas ecolóxicos máis amplos. Por último, dende a consideración de que o futuro das paisaxes urbanas será cada vez máis o resultado da planificación, pensamos que esa pode ser unha boa ferramenta para conservar a paisaxe das vilas históricas de Noia e Muros, paisaxe que pode ser fonte de investigación e, tamén, de pracer para as xeracións futuras. Pero non é suficiente con protexer; sen dúbida, a realización deste tipo de planificación precisa dun maior coñecemento e dunha maior e mellor comprensión do cambio a longo prazo das paisaxes. Debemos intentar entender o cambio e, incluso máis, a estabilidade das coñecidas como paisaxes tradicionais, pois deste xeito poderemos levar a cabo unha xestión sostible das paisaxes herdadas. Unha nova cultura do territorio pasa pola necesidade de facela conectar fortemente coa herdanza pasada, con todo ese pouso de sabiduría que constitúe o patrimonio dos lugares e, na medida en que a espacialización da historia convértese nunha vía privilexiada de indagación paisaxística, os proxectos territoriais deberían enraizarse na identidade paisaxística do territorio, que non se comprende sen a súa historia. Dende este punto de vista, pensamos que o presente estudo pode ser unha contribución para conseguilo.