A aula literariaanálise crítica de seis textos galegos do Novecentos
- Castelao Mexuto, Manuel
- María Pilar García Negro Director
Universidade de defensa: Universidade da Coruña
Fecha de defensa: 24 de febreiro de 2010
- Kathleen N. March Presidente/a
- Carme Fernández Pérez-Sanjulián Secretaria
- Luis García Soto Vogal
- Carlos Manuel Ferreira da Cunha Vogal
- Carlos Paulo Martínez Pereiro Vogal
Tipo: Tese
Resumo
"A aula literaria" ofrece unha análise e interpretación crítica de seis textos representativos da literatura galega do século XX: "Na noite estrelecida" (1926), de Ramón Cabanillas; "Arredor de si" (1930), de Ramón Otero Pedrayo; "De catro a catro" (1928), de Manuel-Antonio Pérez Sánchez; "Os eidos" (1955), de Uxío Novoneyra; "O incerto señor don Hamlet" (1958), de Álvaro Cunqueiro, e "Longa noite de pedra" (1962), de Celso Emilio Ferreiro. 1. Na nosa investigación, tomamos como modelo de análise "S/Z", de Roland Barthes, e como referencia hermenéutica a Estética de T.W. Adorno. Con certeza, tamén nos serve como ferramenta de lectura a bibliografía crítica sobre os textos, temas e autores tratados. 2. A aproximación a estes seis textos combina dúas perspectivas que raramente se dan xuntas: -- Por unha parte, a atención minuciosa ao texto, seguindo liña a liña ou verso a verso a obra de que se trate, a practicar unha lectura no sentido máis preciso da palabra (unha esexese, se se quere). Esta lectura pode ser parcial (un fragmento da obra, a arrincar desde o inicio e a visitar despois outras partes ou capítulos, no caso de a visión que ofrece ese inicio non ter capacidade bastante para iluminar o conxunto) ou completa -é o caso de "De catro a catro" e "O incerto señor don Hamlet", onde se comenta a totalidade da obra, poema a poema, escena a escena, por constituíren dous momentos privilexiados do diálogo entre literatura galega e modernidade e por non seren obras demasiado longas, podendo acomodarse a lectura dentro dos límites dunha tese de doutoramento. -- Por outra parte, cada sección incorpora un punto de vista sobre o texto de que se trate con carácter ensaístico, menos pegado á superficie do mesmo, en que se abordan cuestións relevantes levantadas pola lectura das obras, mais que consideracións de lexibilidade aconsellan organizar á parte. Designo este bloque como "tópicos", no sentido de 'lugares comúns', por seren obxecto de repetida remisión no curso da lectura. 3. Ademais, varias das seccións que integran "A aula literaria" incorporan apéndices de carácter diverso, ben para propor aproximacións transversais, para elucidar conceptos utilizados ou para abordar cuestións relativas á interpretación global das obras que non cadrarían dentro do que antes chamei "tópicos". 4. Caracteriza o conxunto da tese un xogo de ida e volta entre a análise dos textos e a reflexión sobre o literario galego, dado que a lectura das obras é tamén unha pregunta sobre o lugar de Galiza e do suxeito nos textos abordados, a teor do programa de doutoramento en que se inscribe, "Literatura e construción da identidade na Galiza". 5. Ademais das seccións habituais nunha tese, completa o volume un elaborado índice analítico, a querer ofrecer ao virtual lector outra forma de percorrer os textos, de restituír a continuidade de moitas problemáticas, motivos literarios, nocións, conceptos críticos ou estéticos, relevantes para a análise realizada.